«Vin de Santiago a Padrón…» (Rosalía de Castro)

    Miña casiña, meu lar,
¡cántas onciñas
de ouro me vals!

Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pe e perna,
sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar,
i anque ganas tiña delas
non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que no ten diñeiro
sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar,
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.
A vista se me barría,
que era aquél moito aunar.
Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedínlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían,
que me fora a avergonzar.
Volvínme á miña casiña
alumada do luar;
Rexistréi cada burato
para ver de algo atopar;
atopéi fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa.
Púxenme a Dios alabar.
Qixen alcendelo lume;
non tiña pau que queimar;
funllo a pedir a unha vella;
tampouco mo quixo dar,
si non era un toxo verde
para me facer rabiar.
Volvín triste como a noite
a chorar que te chorar;
collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar;
rexistréi polo cortello
mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios dar.
¡Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arriméi o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escarabellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo de fertuna…
¡Mixa Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;
máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar,
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar,
e ca fariñiña munda,
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo la mar;
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar;
despóis que o tiven comido,
volvín de novo a rezar;
e despóis que houben rezado,
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba,
púxenme logo a cantar
para que me oíran
en todo o lugar:

          Meu lar, meu fogar,
¡cántas onciñas
de ouro me vals!

 

(Follas novas – Rosalía de Castro)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *