«Coma algún día…» (Rosalía de Castro)

Coma algún día, polos corrunchos
do vasto tempro,
vellos e vellas, mentras monean,
silban as salves i os padrenuestros;
i os arcebispos nos seus sepulcros,
reises e reinas, con gran sosego,
na paz dos mármores tranquilos dormen,
mentras no coro cantan os cegos,
O órgano lanza tristes cramores,
os das campanas reponden lexos,
i a santa imaxen do Redentore
parés que suda sangre no Huerto.

    Señor Santísimo, ós teus pes ¡cánto
tamén de angustia sudado teño!
Mais si o pecado castigas sempre,
ó que afrixido vai a pedircho
daille remedio.

O sol poniente, polas vidreiras
da Soledade, lanza serenos
raios que firen descoloridos
da Groria ós ánxeles i ó Padre Eterno.
Santos e apóstoles -¡védeos!-, parece
que os labios moven, que falan quedo
os uns cos outros, e aló na altura
do ceu a música vai dar comenso,
pois os groriosos conertadores
tempran risoños os instrumentos.

¿Estarán vivos? ¿Serán de pedra?
aqués sembrantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas maravillosas,
aqueles ollos de vida cheos?
Vos que os fixeches de Dios ca axuda,
de inmortal nome Mestre Mateo,
xa que aí quebraches homildemente
arrodillado, faláime deso.
Mais co eses vosos cabelos rizos,
santo dos croques, calás… i eu rezo.

   Aquí está a Groria, mais naquel lado,
naquela arcada negrexa o inferno
cas almas tristes dos condanados,
onde as devoran tódolos demos.
De alí no podo quitalos ollos,
mitá asombrada, mitá con medo,
que aqueles todos se me figuran
os dun delirio mortaes espeutros.

   ¡Cómo me miran ese calabres
i aqueles deños!
¡Cómo me miran, facendo moecas
dende as colunas onde os puxeron!
¡Será mentira, será verdade!
Santos do ceo,
¿Saberán eles que son a mesma
daqueles tempos…?
Pero xa orfa, pero enloitada,
pero insensibre cal eles mesmos…
¡Cómo me firen…! Voume, sí, voume,
¡que teño medo!

    Mais xa nos vidros da grande araña
cai o postreiro
raio tranquilo que o sol da tarde
pousa sereno;
e en cada prancha da araña hermosa
vivos refrexos,
cintileando comoa as estrelas,
pintan mil cores no chan caendo,
e fan que a tola da fantesía
soñe milagros, finxa portentos.
Mais de repente veñen as sombras…
Todo é negrura, todo é misterio…
ADiós alxofres, e maravillas…
Tras do Pedroso púxose Febo.

    Coma pantasmas cruzan as naves,
silbando salves e padrenuestros,
vellos e vellas que a Dios lle piden
El tan só sabe cáles remedios;
que cando o mundo nos deixa, é soio
cando buscamos con ansia o ceo.

   Os pes da Virxen da Soledade
-¡de moitos anos nos conocemos!-
a oración dixen que antes dicía,
fixen mamoria dos meus sacretos,
para mi madre deixéi cariños,
para os meus fillos miles de beixos,
polos verdugos do meu esprito
recéi… ¡e funme, pois tiña medo!

(Follas novas – Rosalía de Castro)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *