Adiós, ríos; adiós, fontes;
Adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto
figueiriñas que prantei,
prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,
muiño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igresiña do lugar,
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ao meu amor,
caminiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!
¡Adiós, groria! ¡Adiós, contento!
¡Deixo a casa onde nacín!,
deixo a aldea que conoso
por un mundo que non vin!
Deixo amigos por extraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero…
¡Quén pudera no o deixar…!
Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n’é miña,
que astra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ao que naceu desdichado.
Téñovos, pois, que deixar,
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do cabañar.
Adios, adiós que me vou,
herbiñas do campo santo
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que vos criou.
Adiós, Virxe da Asunción,
branca como un serafín:
lévovos no corasón;
pedídelle a Dios por min,
miña Virxe da Asunción.
Xa se oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.
Xa se oien lonxe, máis lonxe….
Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo…
Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!
¡Adiós tamén, queridiña…!
Adiós por sempre quizais…!
Dígoche este adiós chorando
desde a beiriña do mar.
Non me olvides queridiña,
si morro de soidás
tantas légoas mar adentro…
¡Miña casiña! ¡meu lar!
(Rosalía de Castro)